Saturday 18 de May de 2024

O Concello de Fene ten en marcha a licitación de máis de 1.112.000 euros en obras


O Consistorio tamén desenvolve nestes momentos traballos de reurbanización nos bloques 3 e 4 de San Valentín

O Concello de Fene ten aberto desde este mesmo luns o prazo de presentación de ofertas técnicas e económicas para a execución de tres proxectos de obra por un montante global por riba dos 655.000 euros. Dous deles refírense á ampliación e urbanización do cemiterio municipal e o terceiro atenderá á reurbanización dos bloques 2 e 5 de San Valentín e á reparación no mesmo barrio de toda a Avenida da Cooperación. Estes tres proxectos súmanse aos outros catro xa publicados con anterioridade no Perfil de Contratante municipal, que finalizarán o prazo de recepción de documentación nos próximos días e que, en conxunto, superan os 457.000 euros. Desta maneira, no momento actual, Fene ten abertos procedementos por un importe de 1.112.000 euros, coas miras postas en que todos se vaian executando ao longo deste segundo semestre de 2020.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, sinala que este volume de contratación “que xa está en marcha” significará tanto un “avance” na mellora da rede viaria e de espazos públicos como “unha importante inxección de recursos que sen dúbida contribuirán ao mantemento de empregos e á reactivación económica”.

O proxecto de maior importe licitado este mesmo luns refírese á ampliación do cemiterio municipal, cuantificada en 253.797,03 euros procedentes do POS+ 2019. Construiranse 126 columnas con tres nichos máis un cinceiro funerario en cada unha, o que supón ampliar a capacidade do camposanto con 378 novas sepulturas.

Con cargo á segunda contratación publicada esta semana -por valor de 230.795 euros- prepararanse as instalacións cun novo pavimento, mobiliario, espazos axardinados, dous módulos columbarios e equipamento para a incineración de restos.

A terceira das licitacións que figuran no Perfil de Contratante desde o luns centrarase na reurbanización dos bloques 2 e 5 de San Valentín -beirarrúas e saneamento- e na reparación da Avenida da Cooperación, de maneira que ofreza máis seguridade e unha mellor integración nas obras de remodelación dos espazos públicos do barrio como as que xa se están desenvolvendo estes días nos bloques 3 e 4. Neste caso o prezo de base do contrato está cuantificado en algo máis de 170.600 euros, ive incluído.

As empresas que queiran participar nos procedementos de contratación pública destes tres proxectos teñen até o próximo 22 de xuño para presentaren as súas ofertas. Toda a documentación técnica e administrativa está dispoñible na Plataforma de Contratación co Sector Público. Nela tamén figuran outros catro proxectos publicados no mes de maio que teñen a piques de rematar o prazo de recepción de propostas técnicas e económicas.

Así, até este venres 3 xuño poderán achegarse ofertas para o reforzo do firme na rúa Travesa e Santa Ana -91.657 €- e o martes 9 de xuño rematará o prazo para o proxecto de dotación de servizos e reparación do camiño da Lomba (Barallobre) -104.831 €-, do aglomerado e as canalizacións nas pistas dos Regueiros e da Visura (Sillobre) -148.550 €- e, por último, da pavimentación da estrada de Fene a Magalofes pasando por Lubián, valorada no deseño técnico en 112.398 €.